Divulga

Galicia · verán de 2025

A calor que baixa aos vales

Os lugares máis quentes de Galicia non están no sur nin lonxe do mar, senón no fondo dos vales do interior: o Miño en Ourense e no Ribeiro, o Sil na Ribeira Sacra e en Valdeorras, a depresión de Lemos e a veiga de Verín. Un voo polo relevo para ver por que.

Baixa para comezar.

169 estacións de MeteoGalicia

Dous veráns nun mesmo país

33,6°C

media das máximas de xuño a agosto de 2025 en Ourense, a máis alta da rede

No Xistral, na mesma rede, esa media quedou en 18,9 °C, e en Camariñas en 20,7. A cor do mapa estende as medidas das estacións a todo o territorio tendo en conta a altura de cada lugar: o vermello segue os ríos.

20 °Cmedia das máximas xuño–agosto33 °C

MeteoGalicia, máximas diarias validadas de 2025. Superficie: cálculo FGS (inverso da distancia e 6,5 °C por km de altura).

Ourense · val do Miño

Unha cidade nunha cunca

42,9°C

máxima da estación de Ourense o 29 de xuño de 2025, a 143 m de altitude

Ourense está no fondo do val, a pouco máis de cen metros sobre o mar, rodeada de serras que pasan dos 700. Esa estación sumou 93 días de 30 °C ou máis en 2025 e 48 de 35 °C ou máis.

O observatorio de AEMET na cidade bateu o seu récord de xuño, de 2011, cos 41,3 e 41,6 °C do 29 e o 30.

MeteoGalicia (estación Ourense); AEMET, avance climatolóxico de Galicia, xuño de 2025. Alturas: MDT do IGN.

O Ribeiro · Leiro, Ribadavia e A Arnoia

Cincuenta días por riba de 35

50días

con máxima de 35 °C ou máis en 2025 na estación EVEGA de Leiro (105 m)

Ningunha outra estación da rede contou tantos. Aquí o Miño corre a uns 65 metros de altitude, entre ladeiras de viña. Leiro chegou a 41,8 °C o 30 de xuño; Remuíño, na Arnoia, ao mesmo valor o 4 de agosto.

Ese 4 de agosto, a estación de AEMET en Ribadavia marcou 42,8 °C, a máis alta da súa rede en Galicia nese mes.

MeteoGalicia; AEMET, avance climatolóxico de Galicia, agosto de 2025 (datos provisionais).

Canón do Sil · Parada de Sil e Nogueira de Ramuín

Un río 600 metros por debaixo

586m

de desnivel entre o Sil (226 m) e o bordo do canón (812 m)

O Sil cava aquí un canón estreito de paredes de granito. O fondo queda abrigado do vento do mar, e nas ladeiras máis pendentes a viña sobe en socalcos.

Alturas: MDT de 25 m do IGN, mínimo e máximo nun rectángulo de 5 × 3 km arredor do río (cálculo FGS).

San Clodio · Ribas de Sil, Lugo

O lugar máis quente de 2025

43,0°C

máxima de San Clodio o 10 de agosto de 2025 (42,95 °C medidos), a 257 m

Ningunha estación de MeteoGalicia rexistrou máis en todo o ano. San Clodio está na beira do Sil, no fondo do val, entre Ribas de Sil e Quiroga.

MeteoGalicia, datos diarios validados.

Conchada · Quiroga, Lugo

Subir ao bordo

−4,0°C

diferenza o mesmo 10 de agosto entre San Clodio (43,0) e Conchada (39,0), 440 m máis arriba

As dúas estacións están a 3,4 km en liña recta. Coa regra habitual de 6,5 °C por quilómetro de altura, a diferenza tería que ser de 2,9 °C: o fondo do val quentou máis do que explica a altitude soa.

perfil entre as dúas estacións

MeteoGalicia; distancias e alturas, cálculo FGS sobre o MDT do IGN.

Depresión de Lemos · Monforte e Pantón

Unha chaira pechada

41,0°C

no CFEA de Monforte o 29 de xuño e en Míllara (Pantón) o 10 de agosto

A Terra de Lemos é unha cunca chan a uns 300 m, rodeada de serras. Non ten un canón, pero si está pechada: Monforte-CFEA sumou 72 días de 30 °C ou máis e Míllara, 73.

MeteoGalicia, datos diarios validados de 2025.

Valdeorras · Vilamartín e Carballeda

O Sil antes de entrar en Lugo

41,3°C

en A Portela (Vilamartín de Valdeorras, 408 m) o 9 de agosto de 2025

A Portela sumou 41 días de 35 °C ou máis. Ao día seguinte marcou 41,2 °C, mentres Lardeira, a 1.620 m na serra que pecha o val polo sur e a 20,6 km, quedou en 30,3.

MeteoGalicia, datos diarios validados de 2025.

Verín · val do Támega

A veiga do Támega

73días

con máxima de 30 °C ou máis en 2025 na estación Verín-Vilela (392 m)

O Támega corre cara a Portugal por unha veiga ancha entre serras. Verín-Vilela chegou a 40,2 °C o 9 de agosto; Verín-Vilamaior, uns 150 m máis arriba, a 38,9 o mesmo día.

MeteoGalicia, datos diarios validados de 2025.

10 de agosto de 2025 · toda a rede

O mesmo día, case 14 graos de diferenza

29,1°C

en Cabeza de Manzaneda (1.758 m), a 22,5 km de San Clodio, que marcaba 43,0

Ese día dez estacións chegaron aos 40 °C ou máis, todas en vales do interior de Ourense e Lugo. Na costa, Camariñas quedou en 27,0 °C e Foz en 21,9.

menos de 25 °C25–3030–3535–4040 ou máis

MeteoGalicia, temperatura máxima do 10/08/2025 en 168 estacións.

Peche · os vales do interior

Vivir coa calor dos vales

139.735ha

queimadas na provincia de Ourense en agosto de 2025, segundo os perímetros de EFFIS

Os grandes lumes daquel mes prenderon entre o 8 e o 15 de agosto, na mesma vaga de calor. A mesma calor fai o viño das catro denominacións de orixe do interior (Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras e Monterrei) e pesa sobre a saúde de quen vive nestes vales: cincuenta días por riba de 35 °C piden plans de calor pensados para eles, non para a media de Galicia.

lumes de agosto de 2025 de máis de 1.000 ha

Máis: As raias da calor e da choiva · Chove, pero hai sol · Habelos, hainos · a calor, estación a estación, en Mapas Galicia Sustentable.

Copernicus EFFIS (cálculo FGS); MeteoGalicia; Consellería do Medio Rural (denominacións de orixe).

Fontes e método