Divulga

Un país de árbores

O 48 % de Galicia é bosque: o posto 50 de 183 se fose un país, por riba de España, Portugal e Francia. O eucalipto cobre o 13,8 % do territorio (409.099 ha en 2024), máis ca en Portugal continental (9,5 %). En 59 concellos pasa do 30 %; en Cerdido, do 68 %.

O bosque, país a país

Porcentaxe da superficie terrestre cuberta de bosque en 2025 (FAO). Cada punto é un país, do tamaño do seu bosque; Galicia, co dato do Inventario Forestal Continuo (2024).

Canto dese bosque é eucalipto

O territorio de cada un, partido en tres. Só se comparan países cun inventario oficial da superficie de eucalipto: a FAO non a publica por especie.

eucaliptoresto do bosqueoutros usos

Concello a concello

Ver os datos

Países: FAO, Global Forest Resources Assessment 2025, táboa 1a (bosque e superficie terrestre, 2025; só territorios de máis de 1.000 km²). Galicia e concellos: Inventario Forestal Continuo de Galicia (INVEGA, capa de recintos SIGPAC con coberturas, 2024), agregado na peza O monte concello a concello; o bosque é o monte arborado de eucalipto, coníferas e frondosas, incluídas as cortas, a rexeneración e as áreas queimadas de cada grupo, que é tamén o criterio da FAO (o bosque temporalmente sen árbores segue sendo bosque); a porcentaxe calcúlase sobre a superficie total do inventario, que inclúe as augas interiores. Esa capa de resolución media dá sumas algo inferiores ás cifras oficiais do inventario (en 2024, 438.156 ha de eucalipto), pero é coherente entre concellos. Portugal continental: ICNF, 6.º Inventário Florestal Nacional (2015), táboas 101.PT e 106.PTC. Brasil: IBGE, Produção da Extração Vegetal e da Silvicultura (táboa 5930, eucalipto plantado, 2025), sobre o bosque e a superficie da FAO. Os anos non coinciden e cada inventario ten o seu método, así que as porcentaxes son ordes de magnitude comparables, non cifras exactas. Australia, onde o eucalipto é a árbore nativa (en torno a tres cuartas partes do seu bosque), non se inclúe por non poder descargar a fonte oficial (ABARES). Nomes dos países: Unicode CLDR. Fundación Galicia Sustentable · Licenza CC BY-NC-SA 4.0.