Divulga

As bandeiras azuis

En 2026 ondean 118 bandeiras azuis en praias galegas, repartidas en 38 dos 313 concellos; Sanxenxo encabeza a lista con 18, seguido de Vigo (12). Galicia é a terceira comunidade en número de bandeiras, pero ten tanta costa que, por quilómetro, baixa ao posto 7 de 12: 7,9 por cada 100 km, fronte a 29,3 na Comunidade Valenciana. O máximo da serie galega foron as 131 de 2015.

Galicia, dende 2013

Praias galegas con bandeira azul cada ano.

As comunidades, por quilómetro de costa

Praias con bandeira azul en 2026 por cada 100 km de costa. Á dereita, o total.

Ver os datos

Praias galegas: Xunta de Galicia, Datos Abertos, «Praias galegas con bandeira azul», un conxunto por ano (2013-2026), con concello e coordenadas de cada praia. Comunidades: ADEAC, relación de praias galardoadas con Bandeira Azul 2026-2027 (a nota de prensa dá unha praia menos na Comunidade Valenciana, 151; aquí vai a relación, que suma o total de 677). En 2026 o xurado concedeu o galardón por dous anos, como transición á nova acreditación. Lonxitude da costa: INE, Anuario Estadístico de España 2008, táboa 1.1.3, coas medicións do Instituto Xeográfico Nacional (sen illas nas provincias peninsulares; en Baleares e Canarias, as illas). Os quilómetros de costa dependen moito da escala á que se medan, así que a comparación vale entre comunidades medidas co mesmo criterio, non como cifra absoluta. Extremadura e Madrid teñen bandeiras en praias de interior, sen costa. A bandeira azul dáse á praia que a solicita e cumpre os criterios (auga excelente, servizos, información ambiental); unha praia sen bandeira non ten por que ter peor auga. Inclúense as praias fluviais galegas galardoadas (A Veiga e Ponte Caldelas). Fundación Galicia Sustentable · Licenza CC BY-NC-SA 4.0.